Exposicións Museo do Mar de Galicia

gabinete de curiosidades científicas. Os gabinetes naceron no século dezasete para amosaren todas aquelas rarezas e marabillas da natureza procedentes das expedicións que ían descubrindo o mundo. Neste caso o propósito é exhibir os resultados das expedicións científicas deste século que xa non teñen como obxectivo a superficie terrestre senón os fondos mariños. O teito azul escuro espello e as paredes de paneis de metacrilato retro-iluminado inciden na idea de introducírmonos nun hábitat de luz exigua. Optouse por unha imaxe que conectase coa do Museo do Mar ao se tratar dunha intervención permanente: unha gota de auga turquesa que xoga con fondos de ton wengé. O deseño do espazo é obra de MAM Arquitectos.

as visións do bacallau. Incide nas expedicións pesqueiras que, partindo de Galicia, tradicionalmente transitaban polos caladoiros de Terranova. A mostra exhibe, ademais de material fotográfico, pezas mariñas e unha reprodución a tamaño real das diversas partes daqueles buques. A grafía apóiase sobre negro e madeira.

mar ao xeito. Conmemoración dos vinte anos da construción da Nueva Marina, réplica da última lancha xeiteira galega, que se exhibirá no embarcadoiro do museo. A mostra homenaxea unha embarcación emblemática das rías galegas, a xeiteira, cun percorrido ao redor da súa historia. A lancha xeiteira, tamén coñecida como lancha de relinga polo tipo de vela utilizada, foi durante séculos a embarcación estrela da costa occidental galega, onde se dedicaba fundamentalmente á captura da sardiña. Os tons e tratamento tipográfico recrean o traballo dos pintores de barcas, que se apoiaban sempre en cores primarias e resistentes, listas brancas arrodeándoas e tipos estarcido, os propios de quen traza as letras mediante modelos.

proxecto costa da morte. A exposición coordinada por Manuel Sendón dá a coñecer as creacións de Gabriela Sacco, Luis González Palma e Fran Herbello. Ademais da gráfica expositiva, editouse un catálogo de 44 páxinas con reproducións das obras e textos comisariais. pxc produción e xestión cultural